CRTVG

Buscar

Compostela celebra as festas da Ascensión, con máis afluencia de turistas e peregrinos

Publicado o 13/05/2021 15:12

Pouco ten que ver esta ponte da Ascensión coa do ano pasado. Daquela estabamos coa desescalada, recuperando as terrazas na hostalería e con sol, pero sen actos programados nin atraccións polas festas. Malia que este ano choveu na Ascensión, hai máis movemento nas rúas de Compostela. Tamén empezan a chegar peregrinos dende que se levantou o peche perimetral, "vése máis movemento no Camiño estes días" confirma unha parella que chega de Sarria, "sobre todo galegos", engaden. 

Polos datos da Oficina do Peregrino, esta semana chegaron uns trinta ao día, e din que a partir da próxima comezarán a entrar os que iniciaron o Camiño máis lonxe.

Co levantamento do peche perimetral tamén se vai recuperando o turismo, pero queda moito por recuperar: antes da pandemia Santiago estaría de bote en bote polas festas da Ascensión.. "Calquera ano normal estaría completamente a tope, pero en Ano Santo sería moitísimo máis" di un comerciante da zona monumental. "Unha Ascensión normal non estaría isto tan baleiro, e menos en Ano Santo" insiste unha hostaleira. 

Menos xente si, pero coas mesmas ganas de celebrar. "O caso é que con todo o que nos está tocando vivir, non perdamos o sentimento de festa" comenta unha veciña. 

Con medidas de seguridade, pero este ano recupéranse as festas da Ascensión e o programa para celebralas, aínda que sen atraccións, nin polbo nin a tradicional feira cabalar.

Noticias web

13/05/2021