Compostela, Barco e Ourense agardarán á reunión coa Federación galega antes de aceptar as condicións do playoff de ascenso
O Compostela aínda non formalizou a súa participación no playoff de ascenso. Tampouco o Barco nin o Ourense, nin outros moitos equipos de España. O documento de inscrición obriga a asinar unha serie de condicións como a que exime á Federación Española da resposabilidade derivada da situación sanitaria.
Manu Castiñeiras: "Non entendemos que se eximan de responsabilidade".
A RFEF sacou unha nota para explicar que si se fai responsable da competición, pero non dunha eventual suspensión. Pero a circular segue redactada nos mesmos termos. Ademais noutro punto pide limitar a vida social dos xogadores. E tampouco establece ningún mecanismo de control dos protocolos.
Manu Castiñeiras, S. D. Compostela: "Somos 72 clubs de toda España... quen se vai encargar de que se cumpran os protocolos?. Xa lle estamos pedindo un esforzo grande ó corpo técnico e empregados para que queden ata xullo como para non ter unha seriedade. O luns hai unha reunión coa Federación galega na que imos poñer isto sobre a mesa e despois tomaremos unha decisión".
O Arousa é o único dos catro clubs galegos que asinou, os outros tres agardan á reunión coa federación galega, na que tamén se tratará outro tema que necesita consenso: en que campo se vai disputar o playoff galego de ascenso a Segunda B.