CRTVG

Buscar

Complétase en Santiago a pauta de vacinación das persoas de 49 e 50 anos

Publicado o 27/06/2021 14:38

Este domingo foi a quenda dos nacidos nos anos 1971 e 1972... Completaron a pauta de vacinación coa segunda dose de Pfizer.
"Polo menos para viaxar, tempo de verán, poder ir á praia tranquilamente, ir pasear tranquilamente."

E algúns quixeron inmortalizar o momento.
Algo máis de 5.700 persoas estaban citadas este domingo na Cidade da Cultura.
Na área sanitaria de Santiago a vindeira semana comezan xa a inmunizar o seguinte grupo de idade.

"Hoxe en principio rematamos coa vacinación do grupo de 50 a 59 anos e para a semana comezamos co grupo de 30 a 39 anos, pero vaise seguir facendo repescas para todos os que no seu momento non se puideron vacinar", explica María José Parrado, enfermeira e coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura.

Coa pauta xa completa moitos din que terán un verán máis relaxado ca o ano pasado, outros aseguran que aínda manterán moitas das medidas de seguridade.
"A xente parece que non está moi concienciada de que isto non rematou e botouse á bartola, eu polo menos voume portar coma o ano pasado, para o ano creo que vai cambiar a cousa, pero este vai seguir igual".

"Eu vou á casa de meus pais e sigo usando a máscara, manteño a distancia de seguridade e ventilo, o virus segue aí".
"Hai que ter en conta que aínda hai moita xente sen vacinar, hai que seguir cumprindo as medidas, teremos que ir comedidamente cara adiante".

E mentres millerios de persoas van pasando por este centro de vacinación cada día, pouco a pouco o panel e a urna de apoio aos sanitarios vanse enchendo de mensaxes de agradecemento. Todos son conscientes de que o seu traballo foi crucial durante toda a pandemia.
 

Noticias web

27/06/2021