CRTVG

Buscar

Complétase a venda da autovía Santiago-Brión ao fondo británico Hermes

Publicado o 29/04/2020 11:53
Complétase a venda da autovía Santiago-Brión ao fondo británico Hermes

A autovía Santiago-Brión xa pasou a mans do fondo de investimentos británico Hermes, despois de que o grupo ACS executara na totalidade o contrato de compravenda de seis autovías españolas de "peaxe en sombra" (a construtora financia a vía, consérvaa e cobra un canon por uso). Así llo comunicou o grupo que preside Florentino Pérez á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A carteira de activos vendidos inclúe, ademais da autovía autonómica AG-56 Santiago-Brión, unha das máis transitadas de Galicia, outras dúas en Cataluña, unha en Castela e León, outra en Castela-A Mancha e outra en Navarra.

A filial de ACS Iridium e Hermes acordaron a operación o pasado 26 de novembro, que reportará ao grupo que preside Florentino Pérez unha plusvalía de 40 millóns de euros e permitiralle manter o 26 % restante do capital e seguir xestionando os activos.

Os seis tramos de autovía de "peaxe en sombra" representan un valor en conxunto de 950 millóns de euros, lembra ACS.