CRTVG

Buscar

Competencia multa as grandes construtoras por pactar os prezos na conservación de estradas

Publicado o 20/08/2021 12:27
Competencia multa as grandes construtoras por pactar os prezos na conservación de estradas
EFE

A prohibición de contratar coa Administración activouse para as filiais da área de estradas das seis grandes empresas da construción en España (ACS, Acciona, FCC, Ferrovial, Sacyr e OHL), por formar parte dun cártel de 12 empresas que pactaban unha repartición das licitacións de Fomento entre 2014 e 2018.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) desmantelou ese cártel. Este venres, o organismo comunicou que as 12 compañías alteraban o resultado de licitacións dos servizos de conservación e explotación da Rede de Estradas do Estado e as sancionou en conxunto coa suma de 61,28 millóns de euros.

Para facerse unha idea do impacto e alcance deste cártel, o importe total das adxudicacións ás empresas implicadas superou os 530 millóns, o cal supón o 63 % do importe total adxudicado polo Ministerio para os servizos de conservación das Rede de Estradas do Estado. O 60 % da multa total recaeu nas filiais das denominadas Big Six (36.569.942 euros entre as seis), con API (filial de ACS) á cabeza con 11.781.900 euros de multa, seguida por Matinsa (FCC), con 8.541.202 euros; Ferroser (Ferrovial), 5.712.350 euros; Sacyr Conservación (5.172.460 euros); e Elsan ( OHL), 3.022.293 euros.

O organismo regulador insta tamén a unha análise da posible responsabilidade dos directivos implicados na infracción declarada na súa resolución. A CNMC, tras unha investigación iniciada hai máis de 7 anos, comprobou que esas seis empresas, cuxas matrices forman parte das Big Six, acudían tamén a certas reunións "para tomar café" e estableer os criterios de coordinación das ofertas económicas a presentar nas licitacións do Ministerio de Fomento para os servizos de conservación de estradas da Rede de Estradas do Estado.

 

 

Noticias web

20/08/2021