CRTVG

Buscar

Compañeiros e empresa sabían do acoso a Ana Enjamio

Publicado o 11/12/2019 10:27

Ana Enjamio decidiu romper a súa relación con César Adrio e volver co seu antigo noivo. Samuel declarou este martes no xuízo. Cando estaban xuntos, Samuel recibía no seu teléfono mensaxes e fotografías de carácter sexual da vítima co acusado. Porque César non só a acosaba a ela. Tamén quería que o seu noivo o soubese. Samuel estaba convencido de que o acusado controlaba dalgún xeito todo o contido do teléfono de Ana.

As compañeiras de traballo de Ana van máis alá. Cren que César puxo un dispositivo de seguimento no coche da moza, porque el sempre aparecía onde estaba o vehículo aínda que ela aparcase en puntos distintos da cidade. A unha delas mesmo lle dixo que Ana non acabaría con el, pero tampouco con Samuel.

A directora de RRHH da empresa tamén sabía do acoso, mesmo lle contaron que un compañeiro instalara no móbil de César unha aplicación para controlar o teléfono de Ana. Recibiu queixas de César, pero decidiu darlle unha oportunidade de 6 meses. Na vista gabouse do convenio colectivo da empresa, que permite as mulleres denunciar o acoso.

A noite da cea, os compañeiros de Ana relatan que César non lle saía de enriba. Que ela mesmo pedía que a acompañasen ao baño porque tiña medo de ir soa. E a vez que ninguén foi con ela, César pechouna dentro.

Volvendo á casa, Ana dixo que tiña medo de que el a agardase no portal. Unha compañeira que ía con ela no coche choraba no xuízo porque ía durmindo e non entrou acompañala.

No xuízo exhíbense os zapatos e a roupa que César lle entregou á policía. Varias testemuñas din que esa non é a vestimenta que levaba.

Tamén falou un veciño que oíu berrar a Ana no portal mentres agonizaba. Non lle deu importancia e durmiu.

En total, este martes declararon 10 testemuñas. Os 6 compañeiros da vítima e do acusado pediron falar detrás dun biombo para non ver diante a César.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019