CRTVG

Buscar

Compañeiros de piso en tempos de pandemia, a difícil convivencia

Publicado o 09/11/2020 14:44

Nun rigoroso calendario, Nuria, Carla e Desiré organizan as tarefas do mes. Son estudantes de Educación Infantil e comparten piso, todo un desafío en plena pandemia, pero teñen claro que agora o máis importante é ventilar a casa e extremar a limpeza.

"Descalzámonos, lavamos as mans e unha vez ao día desinfectamos. Pasamos a mopa continuamente, unha encárgase dos baños cada semana e ventilamos todos os días", conta Nuria Martínez, unha das mozas que comparte piso.

Malia que cada unha ten o seu particular espazo, prima a convivencia e toca extremar todas as precaucións, e é que xa levaron un pequeno susto.

"Tivemos un susto por un compañeiro que estivo aquí e logo deu positivo nunhas probas que nos fan na facultade. Daquela tivemos que estar confinadas tres días, e dixemos ata aquí", explica Desiré Gómez.

Dende entón decidiron restrinxir as visitas. Teñen medo, din, porque cando regresan ás súas casas algunha conviven con persoas maiores.

"Pasámolo bastante mal, asustámonos moito e por iso decidimos que non ía entrar ninguén no piso a non ser que sexa alguén moi achegado", conta Carla Rodríguez.

Lamentan a mala imaxe dos mozos universitarios polas festas en pisos, pero o seu é un caso de bo facer e responsabilidade.

Noticias web

09/11/2020