CRTVG

Buscar

A contundente vitoria de Boris Johnson despexa o camiño do 'brexit'

Publicado o 13/12/2019 14:37

• A maioría absoluta 'tory' permite a saída da UE o 31 de xaneiro

• Johnson: "Ponse fin á miserable ameaza doutro referendo 'brexit'" 

• Jeremy Corbyn confirma, tras o trompazo histórico dos laboristas, que non será candidato nas próximas eleccións  

• Os nacionalistas escoceses elevan a presión para un segundo referendo de independencia tras lograr ser a terceira forza 

O flamante gañador das eleccións, coa maior vitoria conservadora dende Margaret Thatcher, abandonaba ao mediodía a residencia oficial de Downing Street, que ocupa dende xullo tras a dimisión de Theresa May, para dirixirse ao palacio de Buckingham. Boris Johnson, o candidato conservador de 55 anos, presentouse ante a raíña Isabel coa ampla maioría absoluta, 364 escanos, que lle dá vía libre ao seu plan para executar o 'brexit' dentro dun mes e medio, e para deixar o seu selo persoal nos cinco anos de mandato.

"Este goberno conservador recibiu un poderoso novo mandato para executar o 'brexit'", manifestaba aínda cos resultados provisionais un exultante Johnson, que conseguiu 1.600 votos máis ca nos comicios de 2017. Engadiu tamén que ese mandato é para unir o país e centrarse nas prioridades da xente, sobre todo na sanidade e na educación. Os 'tories' fixéronse con boa parte do voto obreiro, que tradicionalmente ía ao partido laborista.

A primeira felicitación a Johnson chegaba desde o outro lado do Atlántico. Antes aínda de que se confirmasen os resultados, Donald Trump escribía que todo apunta a unha gran vitoria para Johnson no Reino Unido.

O outro titular da noite é a desfeita do Partido Laborista, a peor derrota desde 1935. O que levou a Jeremy Corbyn a anunciar que non será o candidato do partido nas vindeiras eleccións e que vai pilotar a partir de agora un proceso de sucesión.

"Non liderarei o partido en ningunha futura campaña de eleccións xerais. Hai un proceso agora de reflexión sobre os resultados e as políticas que levará a cabo o partido", dixo Corbyn.

Os outros triunfadores da noite son os nacionalistas escoceses liderados por Nicola Sturgeon. Con 55 escanos dos 59 asignados a Escocia, convértense na terceira forza de Westminster. Por detrás deles queda o Partido Liberal Demócrata de Jo Swinson, que perde o seu escano no Parlamento.

Reaccións en Bruxelas

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, pediu este venres ao Parlamento británico ratificar "rapidamente" o acordo para unha retirada ordenada do Reino Unido da Unión Europea tras a vitoria electoral do primeiro ministro, Boris Johnson. Michel felicitou a Johnson polo resultado electoral e instou a Westminster a "ratificar rapidamente" o acordo sobre o 'brexit' para "iniciar con serenidade, tranquilamente pero con gran determinación, a negociación sobre a fase seguinte", segundo dixo á súa chegada ao cume de líderes da UE. Asegurou que isto será "importante para velar polos intereses do mercado interior" e para ter unha "relación estreita no futuro" con Londres.

Resignación da comunidade galega

Tristura, temor e incerteza. Son algunhas das palabras coas que poderiamos resumir o sentir dos galegos residentes no Reino Unido ao coñecer un resultado electoral que supón a luz verde definitiva para o brexit. Susana aprecia ao seu redor o mesmo que padeceu seu pai cando chegou á illa hai xa medio século.

"Este país estase volvendo outra vez insular, nacionalista e racista. E punto. Estase vendo cada día na rúa. Eu vivo en Londres, pero sucede o mesmo en calquera outra cidade: é horrible."

Pola súa banda, Mar, que leva dous anos vivindo alí, cre que a única incógnita despexada tras a vitoria de Boris Johnson é a certeza de que non haberá un segundo referendo. O brexit xa é irreversible e non cre que haxa motivos para celebralo precisamente.

"Isto non é bo para ninguén, creo que aquí se vai perder moita calidade de vida, e que o resto dos países europeos van perder contratos comerciais, a posibilidade de vir estudar ou traballar aquí... Non creo que vaia beneficiar isto a ninguén."

Con todo, o resultado das eleccións é moi claro e os galegos na illa asumen con resignación o novo escenario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí