CRTVG

Buscar

Como vive a pandemia da covid-19 unha veciña de Cortegada que naceu durante a gripe española

Publicado o 04/05/2021 20:26

Dúas pandemias nunha soa vida. María González, veciña do concello ourensán de Cortegada, naceu durante a gripe española, e vive, actualmente, semiconfinada pola covid. Aos seus 103 anos, e en plenas facultades mentais, cóntanos a súa experiencia.

María naceu en 1918, o ano da mal chamada gripe española, a primeira gran pandemia que lle tocou vivir nesta longa historia que resume en dous conceptos: "Traballar moito e comer pouco".

Fixo os 103 en abril, pero non puido festexar. A pandemia mantena afastada dos seus 3 netos, 5 bisnetos e un tataraneto que está en camiño: "Pois sen ver a ninguén da familia, case, só a miña filla, e con este buzón", lamenta María.

Vive coa súa filla nunha aldea de Cortegada, onde cumpriron escrupulosamente as recomendacións sanitarias. Agora, xa están vacinadas.

Preciosa Barbosa, filla de María: "Máis tranquilas, pero aínda dá medo, aínda non nos xuntamos, ata ver en que queda a cousa".

O confinamento é máis levadío, din, nunha casa con horta e paisaxe para contemplar. Á súa idade, María apáñase ben coas tarefas cotiás: "Frego a louza, fago a cama, limpo o cuarto...".

Só agardan que a situación mellore para poder festexar cos seus tan lonxevo aniversario.