CRTVG

Buscar

O Goberno apela a partidos e autonomías para manter o estado de alarma

Publicado o 04/05/2020 08:30

Iniciada oficialmente a desescalada en España, fanse cada semana máis evidentes as discrepancias entre as comunidades autónomas e o Goberno sobre como levala adiante. 

No Executivo ofrecen colaboración coas autonomías nun procedemento de cogobernanza, pero algúns líderes autonómicos rexeitan o plan de desescalada e piden recuperar competencias. A prorrogación do estado de alarma que se vota o mércores no Congreso está máis no aire ca nunca.

Moitos dos presidentes autonómicos pediron ao Goberno que fixase os criterios sanitarios para cambiar dunha fase a outra. No BOE publicado á tarde, o executivo regula o proceso de cogobernanza. Esta orde permite ás autonomías establecer zonas máis pequenas que a provincia para a desescalada.

Un dos requisitos imprescindibles será dispoñer de unha cama e media a dúas camas de UCI por cada dez mil habitantes. A ratio establecida para camas de enfermos agudos vai das 37 ás 40 por cada 10.000 habitantes. As comunidades autónomas terán que presentar antes deste mércores as súas propostas, que Sanidade se compromete a estudar.

O Goberno insiste en que non hai alternativa ao estado de alarma e que é imprescindible mantelo neste proceso de desescalada. Pero tal e como se constatou, o Executivo só atopou apoio nos baróns socialistas, que cren que se está reforzando a bilateralidade en función das particularidades de cada territorio. Manifestamente en contra, os nacionalistas cataláns e vascos. O president catalán rexeita tanto prolongar o estado de alarma como a xestión conxunta da desescalada. Pide directamente que a Generalitat teña capacidade para adoptar as súas propias medidas e xestionar o desconfinamento por rexións sanitarias. Junts per Catalunya volverá votar, por tanto, o mércores en contra da prórroga.

Tampouco a apoiará ERC, que denuncia invasión de competencias, igual ca o PNV. O lehendakari defende poder xestionar desde Vitoria a fin do confinamento. "Insisto en que é necesario recupear a legalidade ordinaria para garantir a saúde pública e tamén o retorno paulatno á normalidade institucional. Creo sinceramente que o resultado de todo isto será máis democrático, máis participado e máis eficaz", asegurou Urkullu.

O Partido Popular está dividido ante a postura que vai adoptar o mércores no Congreso. Mentres algúns baróns apoian ampliar o estado de alarma, como o presidente de Castela e León, outros apostan por superalo o antes posible. "Tivemos unha serie de normas que nun primeiro momento eran necesarias, porque a pandemia chegou con toda a súa crueza. Pero unha vez que empeza a ser controlada, temos que comezar a desescalar e non ir cara a unhas normas que sexan tan drásticas como supón o estado de alarma", explicou o presidente andaluz, Juanma Moreno.

Se o apoio do PP á cuarta prorrogación está no aire, tamén o está o de Ciudadanos. Inés Arrimadas xa advertiu ao Goberno que non conte con que a súa formación siga apoiándoo todo como ata agora.

Noticias web

04/05/2020