Como lles afectan os peches perimetrais aos novos concellos que aplican esta medida?
Vemos ao detalle como lles van afectar os peches perimetrais aos novos concellos que aplican esta medida.
Empezamos pola Costa da Morte, onde van quedar pechados como unha única unidade perimetral os concellos de Cee, Dumbría e Muxía.
En Muxía levan días sumando casos e xa estaban no punto de mira do comité clínico. Finalmente, esta medianoite van quedar pechados.
Os veciños xa agardaban medidas máis duras porque a incidencia do virus incrementouse moito nos últimos días nos tres concellos.
De feito Sanidade xa anunciara un cribado masivo para frear os contaxios. Por iso esta medianoite entran en vigor as restricións máis duras, as do chamado modelo Carballiño.
Cee, Dumbría e Muxía formarán unha única unidade perimetral da que non se pode entrar nin saír sen causa xustificada.
Peche perimetral en Ribadumia, Meaño e Meis
Os outros tres concellos que quedan pechados perimetralmente están na comarca pontevedresa do Salnés. Son os de Ribadumia, Meaño e Meis, que formarán unha única unidade territorial dende esta medianoite.
En Meis o subcomité tomou esta decisión poorque a incidencia do virus está a aumentar moito en toda a comarca e endurecer as restricións é a única maneira de frear os contaxios.
Por iso dende esta medianoite os concellos de Ribadumia, Meaño e Meis funcionarán como unha única unidade territorial da que non se pode entrar nin saír sen causa xustificada.
Tamén pecha a hostalería e prohíbense as reunións de non conviventes.