CRTVG

Buscar

'Como hacer que te pasen cosas buenas', un supervendas presentado na Coruña

Publicado o 18/06/2019 21:07

Este martes estivo na Coruña a autora dun dos ibros máis vendidos en España no que levamos de ano. A psiquiatra Marian Rojas Estapé presentou o seu supervendas Como hacer que te pasen cosas buenas.

No seu primeiro libro fala de como mellorar a vida das persoas a través da xestión das emocións. O libro une ciencia, psicoloxía e humanismo. Se lle engadimos o sentido común o resultado é, en palabras da autora, a identificación do lector, que entende as cousas que lle pasan. Aí radica, di, o seu éxito de vendas. 

"Cando un se comprende, comprender é aliviar, un ten máis forza para facer fronte aos retos do día a día, así como ao estrés ou ás enfermidades físicas e psicolóxicas", explica Marian Rojas.

A autora explica como combater os medos e as angustias e canalizar as emocións negativas que poden bloquear fisica e mentalmente unha persoa. Fala tamén dun factor imprevisible, o azar.

"Séneca dicía: 'A sorte é onde conflúen a preparación e a oportunidade'. Polo tanto, prepararse, estudar e saber como funciona o cerebro axuda a que che pasen cousas boas", asegura a psquiatra.

A autora chámalle ao éxito o gran mentireiro. "O fracaso ensina o que o éxito agocha. Coñezo historias de persoas que fracasaron ao longo da súa vida, remontaron e nesa remonta encontraron máis felicidade que a xente que xamais caeu, que xamais tivo problemas", conta a autora.

Desde o mes de outubro xa se venderon máis de 100.000 exemplares do libro, que vai pola 13ª edición e está traducido a outros seis idiomas. Espasa editou a primeira obra desta psiquiatra madrileña que considera que a xestión das emocións é unha das claves para poder ser feliz.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019