CRTVG

Buscar

Como actuar ante un atragoamento

Publicado o 26/07/2019 16:34

A maior parte dos atragoamentos prodúcense con anacos de carne. O primeiro que cómpre ter conta é a prevención.  "Máis importante ás veces que actuar é previr, adiantarnos a esa situación, por exemplo intentando mastigar moito máis a carne, tratar de non falar ou rir se estamos comendo, especialmente as persoas que teñen problemas coa deglución", di Román Gómez, director de coordinación do 061.

Se despois de atragoarse a persoa é capaz de respirar, o máis efectivo é tusir para botar fóra o alimento. A situación máis grave dase cando as vías quedan completente obstruídas. Nese caso hai que seguir estas pautas, coñecidas como a manobra de Heimlich. "Consiste en poñer un puño na boca do estómago, na parte superior do abdome, tendo coidado de non achegarnos ao esternón para non fracturalo e facer compresións no abdome cara arriba de xeito que faga presión para expulsar a comida. Facemos cinco presións e hai que alternalas con cinco palmadas que se dan nas costas para crear presión tamén na parte de atrás", di Román Gómez.

Desde o 061 recomendan chamar ao número de emerxencias, xa que se non sabemos como actuar, a maior parte dos casos de atragoamento poden resolverse seguindo as indicacións dun médico.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/07/2019