Comisan nunha semana case unha tonelada de ameixa dos furtivos de Cabo de Cruz
É o enésimo comiso que fan nas últimas semanas os gardapescas marítimos da confraría de Cabo de Cruz. Desta volta, case 90 quilos de ameixa xapónica na praia de Barraña.
"Decidimos botar unha ollada por aquí, que xa sabemos que adoitan soterralos na area, e xa atopamos todo este lote", explica un dos traballadores.
Antes deste, foron interceptados outros 50 quilos de ameixa na zona de Xión, tamén en Barraña, hai uns días eran 110 quilos e a semana pasada os gardas conseguiron recuperar un lote de media tonelada.
"Observamos unha embarcación que interceptamos pola zona da Ribeiriña con 500 quilos de marisco que lles comisamos, non sen que opuxeran unha forte resistencia... ameazáronos cunha barra de ferro, polo que tivemos que usar o spray de defensa", explica. "Non paran, e agora cambiaron as hora de traballo, veñen a deshoras para poder traballar co raño e non ser interceptados".
Os gardas de pesca aseguran que os furtivos son coñecidos, que actúan como bandas organizadas e que é difícil abranguer 13 quilómetros de costa co persoal que traballa actualmente. Ademais, advirten de que se trata de xente perigosa, polo que algúns veciños propoñen recoller sinaturas para que se contraten máis gardas.
"Hai que ter moitísimo coidado porque tanto ameazan cun coitelo como cunha barra de ferro como o outro día e se non tomas precaucións pos en risco a túa vida", advirte.
"Hai un clan dunhas seis ou sete persoas que se reparten, aquí traballan tres, noutro lado tres ou catro, teñen vehículos e nos controlan", engade. "Somos moi poucos, temos moitísimo terreo que cubrir e non podemos estar en todos os lados á vez".
Ademais de pedir máis persoal, apelan tamén os potenciais compradores de marisco ilegal. Se non houbese demanda, din, acabaríase o negocio de quen esquilma os recursos naturais.