CRTVG

Buscar

Comisan 87.000 dólares estadounidenses falsificados nunha operación en Ribeira con oito detidos

Publicado o 06/02/2020 16:45
Comisan 87.000 dólares estadounidenses falsificados nunha operación en Ribeira con oito detidos

Axentes da Policía Nacional detiveron na localidade de Ribeira (A Coruña) oito persoas como presuntas responsables dunha das "organizacións criminais máis activas" na introdución de billetes falsos de dólares estadounidenses.

Así o informou a Policía Nacional, que sinalou que se lles interveu algo máis de 87.000 dólares, o que supuxo, subliñaron as mesmas fontes, "unha das maiores incautacións desta moeda realizadas en España".

A investigación policial comezou durante o pasado mes de outubro, cando se detectou a aparición de billetes falsificados e a súa introdución no circuíto financeiro a través de diversas entidades bancarias de Ribeira e dalgunhas localidades das súas inmediacións. Inicialmente, identificouse un mozo, que resultou ser a persona máis activa da organización. Posteriormente, detectouse que outro mozo e unha moza comezaron a introducir novos billetes falsos desta moeda en distintas entidades bancarias.

"Os billetes desta última parella correspondían ao mesmo indicativo que os introducidos previamente, o que fixo supor que existía relación entre eles", explicaron as mesmas fontes.

As denuncias e as cámaras de seguridade dos establecementos permitiron comprobar que, nalgúns casos, acudían xuntos para realizar o cambio de divisas. Na maioría das ocasións, facían os ingresos nas súas propias contas das que eles mesmos eran os titulares. Tras a análise dos billetes por parte da Policía Nacional, determinouse que se trataba dunha falsificación "de moi boa calidade e difícil de detectar", recalcou a Policía, polo que foron catalogados como de "alto perigo" e constataron que procedían dunha imprenta situada fose das fronteiras españolas.

Os seguimentos realizados sobre os investigados revelaron as súas rutinas e o lugar de residencia de cada un deles. Ademais descubriuse que tamén poderían estar relacionados con algúns delitos de tráfico de drogas e cun caso de roubo con forza realizado na zona onde viven. Por último, descubriuse que a moeda falsa foi facilitada por outro cidadán español que actualmente se atopa nunha prisión de Suecia por un delito de tráfico de drogas e falsificación de moeda.

Todas estas xestións permitiron a identificación de todos os membros da organización e a súa detención na localidade de Ribeira e noutras zonas próximas. Aos oito arrestados interviñéronlles algo máis de 87.000 dólares estadounidenses, "unha das maiores incautacións de dólares falsos realizadas en España", insistiu a Policía, que considera desarticulada unha das organizacións criminais "máis activas na introdución desta moeda en territorio nacional".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí