CRTVG

Buscar

Comezou o xuízo contra Liñares nunha peza da operación Pokemon

Publicado o 23/02/2021 15:15

Nove anos despois da súa detención, Francisco Fernández Liñares, quen fora concelleiro na cidade de Lugo, senta no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo.

Debe responder por presuntos delitos de prevaricación e aceptación de suborno durante a súa etapa como presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Á súa chegada el manifestaba estar tranquilo e o seu avogado anunciaba que ía pedir a nulidade das actuacións.

Finalmente o tribunal aceptou só anular as declaracións que fixera Liñares despois das 72 horas da súa detención e tamén as actuacións procesais derivadas delas.

O xuízo iniciouse coas declaracións dos outros nove acusados, empresarios que supostamente se beneficiaron de contratos de obras e servizos a cambio de supostos subornos.

A maior parte deles corroboraron ante o xuíz a realización de pagos a Liñares a cambio de concesións, uns pagos que el negou.

A Fiscalía pide inicialmente para cada un dos dez acusados cinco anos de prisión polos delitos de suborno e prevaricación se ben varios deles poderían ter chegado a un acordo co ministerio público.

Noticias web

23/02/2021