Comezan a diminuír os contaxios no Grove e en Sanxenxo
Empézase a notar a mellora en puntos que eran críticos. Falámoslles de concellos como O Grove ou Sanxenxo. Nos dous van continuar coas medidas máis restritivas, pero xa se ve, con datos, que empezaron a dobregar esa curva de contaxios.
"As incidencias acumuladas a 14 días nos 2 concellos seguen moi altas, por riba dos 1.000 casos, pero se poñemos o foco na incidencia a 7 días vemos xa que O Grove baixa aos 342 casos por cada 100.00 habitantes e Sanxenxo descende aos 276 casos. Non prevén que polo momento se vaian suavizar as restricións, pero si celebran este cambio de tendencia que chega ademais cun notable cambio no tempo, por fin de sol e praia.
O anticiclón chega ao Grove con boas noticias. A curva do virus comeza a dobregarse, aquí e en Sanxenxo, os dous concellos máis afectados do Salnés.
"Por fin, xa era hora. Aquí no Grove foi subir, subir, subir ata hoxe, que parece que se estabiliza, agora que siga baixando".
As restricións seguen sendo de máximo nivel, posto que o risco segue a ser extremo. Pero o bo tempo axudará a levalas mellor, sobre todo aos que non poden consumir no interior dos bares.
"En Castela os mozos non temos a segunda dose e co mal tempo non podíamos entrar e tiñamos que ir a terraza ou quedar no hotel".
"Se tes a pauta, ben, se non, non, as miñas fillas poden pasar. Co mal tempo non quedamos nas terrazas, así que polo de agora non fomos a ningún restaurante".
Aínda quedan 113 casos activos e a incidencia a 14 días supera os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. Pero en xullo estaban preto dos 2.000, así que no Grove celebran os avances. Iso si, fano con cautela e apelando á responsabilidade de veciños e turistas.
"Si que se ve moita xente de fóra, de Sevilla, Estremadura, Madrid, máis xente ca o ano pasado".
"Pero notamos moita distancia de separación, respecto ás ocupacións, quendas ben espaciadas".
A quinta onda vai perdendo forza aquí e en case toda a comarca do Salnés, onde regresou a luz despois dun xullo nubrado polo covid e a chuvia.