CRTVG

Buscar

Comezan os traballos de desentullo na zona cero de Paramos

Publicado o 09/01/2019 14:30

Na zona cero de Paramos, as máquinas xa comezaron a limpar a zona para levar a cabo nos vindeiros días o desentullo e as demolicións dalgunhas vivendas. Uns traballos que seguen os veciños afectados con moito optimismo, xa que o seguinte será a reconstrución das súas casas. Oito meses despois da fatídica explosión da pirotecnia ilegal, moitos propietarios comezan xa a ver luz ao final do túnel.

As máquinas xa comezaron a traballar na zona cero de Paramos, e iso para os veciños afectados é sinónimo de esperanza. Tras oito meses agardando polo desentullo, aseguran que por fin poden falar de prazos. En cuestión de dous meses limparán a zona, desentullarán, e a finais desta semana comezarán coas primeiras demolicións.

Dependen da meteoroloxía para poder rematar en tempo, pero agardan que en dous meses os propietarios das vivendas máis afectadas, coma esta, poidan comezar a reconstruír as súas casas.

As máquinas están retirando os cascallos e os operarios xa comezaron a separar todo o material danado que será reciclado. Os propietarios saben que o seu regreso tardará algo máis.

Porque dentro da traxedia que supuxo a explosión de Paramos, nesta zona cero, operarios e maquinaria dan vida a un lugar ata o de agora completamente morto. E anque sempre houbo esperanza, agora máis ca nunca son optimistas.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2019