CRTVG

Buscar

Comezan os traballos arqueolóxicos no lugar onde apareceu a espada de Mouruás

Publicado o 03/09/2021 16:19

En realidade esta non é unha escavación arqueolóxica, pero para chegar algún día a esa fase hai que pasar antes por estes traballos. Desbravar e limpar, porque aínda que resulte difícil de crer neste lugar, chamado a pena dos Castros, apareceu hai máis de 50 anos a espada de Mouruás, unha arma de 3.000 anos de antigüidade.

Miguel Losada, da Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, asegura: "En 1967 apareceu un achado excepcional, unha espada pistiliforme, iso estanos dando unha indicación de que este era un lugar de culto onde se facía algún tipo de ritual de algunha clase posto que a espada aparece depositada, como unha ofrenda a algo ou a alguén".

A espada de Mouruás atopouse de xeito casual, no transcurso dunhas obras

Xosé Miguel Pérez Brecua, alcalde de San Xoán de Río, relata"En 1967 para sacar pedra para facer a estrada de Trives dinamitaron parte da estrutura e foi cando se descubriu a espada que leva agachada no Museo de Ourense un montón de anos sen darse a coñecer".

A meta agora é continuar investigando para encontrar máis achados. Hai dous proxectos de documental audiovisual para difundir o patrimonio histórico deste lugar.

Enrique Domínguez 'Queiman' afirma: "Tamén queremos implicar os veciños de San Xoán de Río nesta produción audiovisual e poñer en valor a espada de Mouruás".

Os traballos desvelarán os segredos que albergan estes montes e penedos sobre a historia dos nosos antepasados.

Noticias web

03/09/2021