Comezan os labores de derruba e desentullo das naves arrasadas no polígono do Ceao
Unha vez extinguidas as lapas nas naves do Ceao arrasadas polo incendio, é agora a quenda da maquinaria pesada, que xa comezou a derrubar os esqueletos dos almacéns calcinados. Dada a enorme cantidade de cascallos que haberá que retirar, prevese que os traballos de desentullo se prolonguen no tempo. Neste contexto, as empresas afectadas comunicáronlle ao Concello de Lugo a súa intención de aproveitar as obras para ampliar e modernizar as súas instalacións.
Francisco Dorado, dono de Recambios Fraín: "Fixemos a nave de en fronte porque necesitabamos máis espazo. O urxente é poñer mans á obra e pensar como facemos as naves. Está claro que as naves de antes eran máis vellas, e agora imos intentar facelas modernas, con máis sistemas de seguridade cás outras e tamén de maior altura".
Pola súa parte, os bombeiros de Lugo continúan a traballar na zona. Vanse alternando reténs co fin de controlar e refrixerar o chan incandescente.
José María Villamiel, bombeiros de Lugo: "O que estamos facendo é un control e refrixeración dos focos que se poidan iniciar nun momento dado, xa que debaixo hai unha temperatura moi alta. Vai pouco a pouco e volve iniciarse, aínda que agora lume practicamente non hai. E o que estamos facendo agora é meter humectante para baixar a temperatura e mais unha placa de espuma".
Tamén seguen co seu traballo os axentes da Brigada Xudicial da Policía Científica e mais os peritos das compañías de seguros.