CRTVG

Buscar

Comezan os controis sanitarios a todos os pasaxeiros que cheguen a España

Publicado o 01/07/2020 08:32
Comezan os controis sanitarios a todos os pasaxeiros que cheguen a España

Todos os pasaxeiros que cheguen desde este mércores a España por vía aérea ou marítima deberán someterse a un control sanitario antes da súa entrada no país, que poderá incluír a toma de temperatura, un control documental e un control visual sobre o estado do pasaxeiro.

A temperatura será controlada de modo rutineiro mediante termómetros sen contacto ou por cámaras termográficas para identificar viaxeiros con febre igual ou superior a 37,5 graos centígrados, segundo unha resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública publicada polo Boletín Oficial do Estado (BOE).

España segue pendente de reabrir as fronteiras cos 15 países consensuados coa Unión Europea.

De acordo coa disposición publicada polo BOE, que sinala os controis sanitarios que deberán realizarse nos puntos de entrada de España, non se almacenarán datos persoais nin as imaxes captadas polas cámaras termográficas; debe garantirse a privacidade do pasaxeiro en todo momento.

As compañías navieiras, baixo a supervisión de Sanidade Exterior, poderán tomar a temperatura aos pasaxeiros en viaxe internacional antes da súa chegada a porto español.

No que se refire ao control documental, todos os pasaxeiros con orixe en calquera aeroporto ou porto situado fóra do territorio español, deberán de cumprimentar un formulario de saúde pública.

O formulario cumprimentarase por vía electrónica, de tal maneira que todas as persoas que vaian viaxar a España deberán facelo antes de iniciar a súa viaxe a través da dirección da internet: www.spth.gob.es ou mediante a aplicación gratuíta SPAIN TRAVEL HEALTH-SpTH.

Unha vez finalizado o formulario, o pasaxeiro obterá un código QR que deberá presentar á súa chegada a España.

As axencias de viaxe, operadores turísticos, as compañías aéreas ou marítimas e calquera outro axente que comercialice billetes ben de forma illada ou como parte dunha viaxe combinada deberán informar os pasaxeiros, no inicio do proceso de venda dos billetes con destino a España, da obrigatoriedade de presentaren o formulario de saúde pública no aeroporto ou porto de destino.

Así mesmo, avisarase no proceso de rexistro ou check in da obrigatoriedade de presentar o formulario de saúde pública á chegada a España.

As compañías de transporte aéreo ou marítimo, unha vez en espazo aéreo ou marítimo español, informarán os pasaxeiros antes de chegaren ao seu destino da obrigatoriedade de presentar o formulario de saúde pública á chegada. Deberán facilitar o formulario aos pasaxeiros que non puidesen cumprimentalo por vía electrónica.

Establécese un período transitorio, ata o 31 de xullo de 2020, en que os pasaxeiros internacionais que non puidesen cubrir telemáticamente o formulario de saúde pública o poderán presentar á súa chegada a España en formato papel.

Os pasaxeiros cunha temperatura superior a 37,5 graos centígrados ou aqueles de que, conforme á información contida no formulario de saúde pública ou tras o control visual, se sospeite que puidesen padecer COVID-19 ou outra patoloxía transmisible serán sometidos a unha nova avaliación sanitaria a fin de determinar se existe sospeita de risco para a saúde pública.

Este control secundario incluirá unha nova toma da temperatura e unha avaliación do estado clínico e epidemiolóxico e, se se confirma a sospeita de que o pasaxeiro puidese padecer unha patoloxía con risco para a saúde pública, activaranse os protocolos de alerta sanitaria.

En coordinación coas autoridades sanitarias das comunidades autónomas, o pasaxeiro será derivado a un centro sanitario.