CRTVG

Buscar

Comezan as rozas nas cen hectáreas de monte das aldeas modelo

Publicado o 04/02/2020 14:58

Empezan os traballos de roza nas cinco aldeas modelo de Medio Rural. Na de Trascastro, no Incio, limparanse 14 hectáres pertencentes a máis dun cento de propietarios. O terreo vaise destinar a unha explotación en extensivo de vacas cachenas. Medio Rural ten en trámite outros 20 proxectos experimentais coma este cos que pretende dinamizar o uso das terras e previr os incendios forestais.

Os labores de roza e limpeza iniciados a pasada semana afectan a máis de 100 hectáreas en cinco aldeas modelo de toda Galicia. Trátase das de Infesta (Monterrei), Trabazón (O Irixo), Muimenta (Carballeda de Avia) e Penedo (Boborás), todas elas na provincia de Ourense, e da de Trascastro, no municipio lucense do Incio.

A Xunta o que fai, segundo explicou o titular de Medio Rural, é "limpar e protexer os valados e os marcos, que non se tocan, así como recuperar os camiños antigos e que a terra estea traballada e con rendemento, en lugar de estar abandonada". Así, engadiu, "a xente pasará de ter que pagar por rozar a cobrar por arrendar".

Ademais, o conselleiro avanzou que neste mesmo municipio do Incio estudarase a posibilidade de incorporar ao proxecto de aldea modelo a posta en valor doutras 40 hectáreas de soutos de castiñeiros, no marco dos proxectos de recuperación destes espazos nos que traballa a Consellería.

O obxectivo destas iniciativas, segundo explicou o conselleiro, é acadar unha posta en valor da actividade económica e social deses núcleos, para permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación, ao tempo que se busca unha anticipación ao problema dos incendios creando unha devasa natural fronte a eles.

José González salientou que a data de hoxe Medio Rural recibiu xa máis de 50 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo ao longo de toda Galicia. Delas, explicou, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas duns 3200 propietarios.

Noticias web

04/02/2020