CRTVG

Buscar

Comezan as obras da praza de abastos de Ourense, sen desaloxar os ocupantes ilegais

Publicado o 03/03/2020 13:59

Comezaron as obras da praza de abastos de Ourense nun ambiente que oscila entre a satisfacción dos comerciantes e a desesperación dos ocupantes ilegais que levan meses residindo ilegalmente nos postos baleiros. Os comerciantes culpan os ilegais do incremento do vandalismo na zona e agardan que a situación mude co seu desaloxo.

Coa demolición das casetas adxacentes ao bloque principal comezaron as obras de remodelación do edificio nobre da praza de abastos de Ourense. De momento, hai unha serie de postos que non van tocar: os que están ocupados ilegalmente non se van desaloxar ata que haxa unha orde xudicial. A vista está sinalada para o próximo día 16.

Esteban, ocupante ilegal: "Estou coa miña muller e mais cun rapaz de 19 anos. Levamos nove meses vivindo aquí e agora bótannos á rúa sen nos dar ningunha axuda, sen falar con nós, sen comentarnos nada...".

Entre os comerciantes do rianxo a perspectiva é ben diferente. Ibrahim, senegalés, leva 15 anos traballando aquí. Aínda que as obras non van afectar o rianxo, confía en que lle dean unha nova vida: "Esperamos que si, que sexa mellor para todos".

Mentres almorzan, Inés e as súas clientas, todas vendedoras da praza, comentan as vendas e fan plans para os tempos que se aveciñan, confiando en que a zona recupere a actividade que tivo en tempos: "Home! Xa tiñamos gañas de que empezaran porque xa levamos tanto tempo que eu non o creo. Véxoos traballando e aínda non o creo". "E despois que nos toque aos do lado de aquí, que se acorden de nós tamén".

Tamén agardan que diminúa o vandalismo do que foron vítimas nos últimos meses: "A min rebentáronme dúas veces a porta, non sei quen foi pero... non estaba moi ben que estivera xente por aquí...". "Non digo que sexan todos, algún haberá que non... Pero empezaron a roubar nos postos todos, nos coches... Un desastre". "É que non todos somos iguais os que estamos aquí. Aquí houbo toxicómanos e tal, pero non somos todos iguais", aclara Esteban.

As obras teñen un prazo de execución de 18 meses, así que aínda toca agardar para ver resultados.

Noticias web

03/03/2020