As festas de María Pita da Coruña comezan oficialmente esta noite coa lectura do pregón
Xa había moito público na Feira do Libro da Coruña minutos despois da súa apertura. A feira conta coa presenza de 33 librarías de toda Galicia. Terá ademais ducias de actividades paralelas, moitas delas dedicadas aos máis pequenos para inculcarlles a afección á lectura.
"Todos os anos vimos e cómprolle un libro a cada un para celebrar a feira do libro...si, si, ademais a miña nai ten unha libraría en Monforte, así que están moi vinculados aos libros desde que naceron". "Acabamos de comprar un libro: Cousas da Coruña".
A Feira do Libro da Coruña chega á súa corenta e oito edición. Unha feira moi consolidada, na que os libreiros participantes teñen postas moitas expectativas.
"E daquela imos ver, é un sitio inmellorable, a cidade, a verdade, impresionante e logo daquela dáse todo para que realmente o público se achegue, un público que por aquí vai pasar e sinceramente unha feira na que imos mostrar todas as novidades que hai", di o libreiro Antón Pedreira.
Outro dos clásicos que abriu hoxe as súas portas nestas festas é a feira de artesanía Mostrart. Cerámica, xoiería, téxtil ou coiro forman parte do amplo catálogo de produtos artesáns que podemos atopar aquí.
"O que nós ofrecemos neste paseo é, digamos, un catálogo do que están facendo 56 obradoiros que traballan habitualmente en Galicia. Algúns deles son moi novos que participan por primeira vez e outros que son veteranos, que son máis coñecidos", asegura Manuel González, presidente da Asociación Galega de Artesáns.
O Noroeste Pop-Rock, o salón do cómic Viñetas desde o Atlántico e a Batalla Naval son algúns dos atractivos das festas que se prolongarán todo o mes. As Festas de María Pita 2019 arrancan oficialmente esta noite coa lectura do pregón a cargo da escritora Nieves Abarca.