CRTVG

Buscar

Comezan as conversas de Sánchez para formar goberno

Publicado o 11/06/2019 10:25

• Mentres que pola mañá só recibe a Pablo Iglesias, pola tarde o candidato á investidura recibe os presidentes de Ciudadanos e o Partido Popular, dos que reclama un apoio para que a estabilidade do executivo non dependa dos independentistas

Un mes e medio despois das eleccións, Pedro Sánchez abre oficialmente as negociacións da súa investidura e a primeira reunión será esta mañá co que os socialistas consideran o seu socio preferente. Pablo Iglesias rebaixa as súas expectativas, pero pide ocupar el mesmo un posto no Consello de Ministros, ao cargo dalgunha carteira social. O responsable das negociacións polos socialistas, José Luis Ábalos, mándalle esta mensaxe.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "A alternativa a un Goberno socialista é obrigar a que os españois volvan votar. E non lles caiba ningunha dúbida de que as urnas tamén teñen memoria".

"Os españois non perdoarán a quen poña en solfa a viabilidade da lexislatura", advirte Jose Luis Ábalos.

Xunto con Adriana Lastra e Carme Calvo conforman o equipo encargado das negociacións da investidura e explican que PSOE e Podemos, que suman 165 escanos, non abondan, e que a entrada de Iglesias no goberno podería facer perder outros apoios.

Pero Iglesias lémbralle o seu papel imprenscindible para conformar a maioría e di que os seus escanos non van ser un regalo. 

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "A nós o que nos interesa, e o que entendo que nos corresponde polo peso que temos, son carteiras que teñan que ver coa aplicación de dereitos sociais".

A reunión entre Sánchez e Iglesias comeza as dez da mañá e pola tarde, o candidato á investidura recibe os presidentes de Ciudadanos e o Partido Popular, dos que reclama un apoio para que a estabilidade do executivo non dependa dos independentistass.

José Manuel Villegas, secretario xeral de Ciudadanos: "En ningún caso vai contar co noso voto ou a nosa abstención".

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP: "O Partido Popular non é un partido bisagra. O Partido Popular non só non vai facilitar a investidura de Pedro Sánchez, senón que imos dificultar a investidura de Pedro Sánchez".

García Egea adiantaba cal será a posición de Casado contradicindo as declaracións de onte da candidata popular á Comunidade de Madrid, Isabel García Ayuso, que se amosou favorable a unha abstención. 

Sánchez adiantou que lle reclamará apoio aos catros eixes en que pretende sustentar a súa acción de goberno: transición ecolóxica, dixitalización da economía, loita contra as desigualdades e construción europea.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/06/2019