CRTVG

Buscar

Os grupos minoritarios explicáronlle ao Rei o prezo do seu apoio a Pedro Sánchez

Publicado o 06/06/2019 08:56

O Rei comeza a rolda de consultas cos partidos políticos previa ao encargo para formar goberno. O paso pola Zarzuela dos primeiros 8 representantes deixa algunha pista de por onde poden ir as negociacións.

Pedro Sánchez xa sabe o que lle van pedir algunhas das forzas coas que terá que sentar para lograr a investidura. Algunhas destas demandas son investimentos, como as dos rexionalistas cántabros ou as de Compromís, pero outras afectan a estrutura do futuro executivo.

As confluencias de Podemos insisten en que o prezo do seu apoio é a entrada no futuro executivo, e Coalición Canaria di que votará en contra de Sánchez se pacta algo con Iglesias. Con todo, a postura máis sorprendente foi a do líder de Unión del Pueblo Navarro. Javier Esparza está disposto a falar co PSOE para impedir que o goberno dependa dos independentistas. A oferta chega no medio das negociacións para presidir Navarra, onde a dereita carece dunha maioría que si lle podería facilitar o PSOE daquela comunidade.

Os grupos minoritarios explicáronlle ao Rei o prezo do seu apoio a Pedro Sánchez.

José María Mazón, do Partido Regionalista de Cantabria, menciona "o AVE, o tren de Palencia a Santander". Joan Baldoví, de Compromís, pide "solucionar dunha vez por todas o tema do financiamento autonómico".

Coalición Canaria dille ao monarca que non apoiará a Sánchez se pacta con Podemos.

Ana Oramas, de Coalición Canaria, di que "non hai ningunha opción de apoiar un goberno con Podemos nin de coalición nin programático nin por apoio nin por abstención"

As confluencias de Podemos porán a entrada no executivo como condición.

Juan López de Uralde, de Equo, avisa que "nós apoiariamos un goberno de Pedro Sánchez sempre e cando sexamos parte dese goberno". Yolanda Díaz, de Galicia En Común, asegura que "non sería entendible de ningunha maneira que non se buscase por parte de Pedro Sánchez a estabilidade". Alberto Garzón, de Unidas Podemos, cre que "o desexable é que haxa un goberno de coalición cun bo acordo programático".

A Pedro Sánchez chegoulle unha oferta de negociacón desde a dereita navarra.

Javier Esparza, de Unión del Pueblo Navarro, di que "estamos abertos a explorar, a analizar posibles acordos que consigan que os independentistas non teñan a chave e non sexan quen decida a política en España"

UPN, coaligado con PP e Ciudadanos, podería gobernar Navarra cunha abstención do PSOE.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019