CRTVG

Buscar

Comezan a ver signos de recuperación no berberecho da ría de Arousa

Publicado o 08/07/2019 20:35

Os Lombos do Ulla é unha zona de libre marisqueo onde adoitan traballar entre 500 e 800 embarcacións da ría da Arousa. Nos últimos tempos o salario facíase grazas ás capturas de ameixa xapónica porque a produción de berberecho está moi minguada desde 2012. Agora, no Carril ven lixeiros síntomas de recuperación da especie.

 "Este ano comercializouse parte do produto. Ata o de agora era testemuñal; agora, xa é significativo. Onte poxáronse 3.500 quilos. Nada que ver cos 15 ou 20.000 que se adoitaban poxar cando a cousa era normal", di José Luis Villanueva, patrón maior do Carril.

A campaña nos Lombos vai de outubro a marzo. Na deste ano capturáronse 118.000 quilos. No Carril son optimistas sobre a volta do berberecho á ría, pero tamén cautos. Non é a primeira vez que dá síntomas de recuperación que despois non se concretan. "O feito de que o berberecho chegue a un tamaño que mesmo superou os 11 euros o quilo é significativo. O ano pasado morría sen alcanzar o tamaño comercial", di Villanueva.

A repercusión da marteilia na produción de berberecho das rías da Arousa, Vigo e Pontevedra é tal que Galicia participa nun proxecto europeo para intentar conseguir unha especie inmune ao parasito.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/07/2019