CRTVG

Buscar

Comezan a retirar os restos do Boramar, o catamarán accidentado na costa da Toxa

Publicado o 10/08/2018 14:08

No Grove, comezaron os traballos de limpeza dos restos do Boramar, o catamarán accidentado o pasado 24 de xullo que deixou catro feridos graves dos que un faleceu no complexo hospitalario da Coruña. A retirada dos cascallos está a ser moi laboriosa, as partes de menor tamaño son recollidas á man e para as máis grandes emprégase un guindastre.

Os restos do Boramar, nas inmediacións da Illa da Toxa, recordan a magnitude da traxedia do 24 de xullo pasado. Esta mañá un operativo de 8 persoas traballaban arreo para limpar a zona de todos os cascallos do barco. Coa baixamar os operarios retiran á man moitos fragmentos de pouco tamaño, un traballo moi laborioso.

Unha vez sobe a marea retíranse as partes máis grandes coa axuda dun barco con guindastre.

O Servizo de Gardacostas realiza labores de vixilancia durante os traballos de limpeza, así como de apoio loxístico no caso de que haxa que instalar novas barreiras anticontaminación. Tamén a Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña seguía esta mañá recadando as últimas probas da investigación. Todo apunta a que a causa do incendio do catamarán se iniciou na cociña do barco. Un accidente que deixou decenas de feridos, catro deles graves dos que un faleceu no Complexo Hospitalario da Coruña.Os labores de limpeza está previsto que rematen mañá sábado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/08/2018