CRTVG

Buscar

Comezan a ensamblar en Ferrol a turbina eólica mariña máis grande do mundo

Publicado o 24/07/2019 19:20

Comezan a ensamblar en Ferrol as pezas da turbina eólica mariña máis grande do mundo. Fabricouse en Navantia e formará parte do parque eólico flotante que se instalará a finais do verán fronte ás costas portuguesas. 

Ten 190 metros de altura e as súas aspas abarcarán un diámetro de 160 metros. É a maior turbina eólica mariña construída ata o momento e tamén a que será capaz de producir máis enerxía. Pero ademais, é a primeira que se monta integramente en terra, o que a fai máis competitiva.

Esta turbina é unha das tres que formarán o primeiro parque eólico mariño flotante de Europa continental e o segundo do mundo das súas características. Instalarase a finais do verán en augas portuguesas, a 20km da costa de Viana do Castelo.

José Pinheiro, director do proxecto Windfloat Atlantic: "É un proxecto innovador porque as turbinas van en plataformas flotantes. Con tres turbinas potentes producen enerxía para abastecer 60.000 fogares. Móntanse en terra e trasládanse con remolcadores comúns, non con barcos específicos de instalación que son moi caros" .

O proxecto pertence ao consorcio Windplus, formado por Edp Renovables, Repsol, Engie e Principle Power. Conta con financiamento da Comisión Europea, do Goberno portugués e do Banco Europeo de Investimentos.

Noticias web

24/07/2019