CRTVG

Buscar

Néganse a declarar os catro membros da Manada acusados no caso Pozoblanco

Publicado o 18/11/2019 10:33

Os catro cumpren condena pola violación de Pamplona en prisións de Andalucia e Castela e León. Pero a catro deles trasladáronos a Córdoba para xulgalos polo acontecido en Pozoblanco.

Foi dous meses antes daquel San Fermín. Era maio de 2016. Os acusados volvían de festa nun coche cunha moza de 21 anos que ía, en palabras do fiscal, "en estado de profunda inconsciencia".

O copiloto, o Prenda, púxose entón a gravar un vídeo en que se ve como os catro tocan a moza. Bícana, cóllenlle os peitos.

O avogado defensor, Agustín Martínez, entraba no xuízo anunciando que pediría a anulación desas imaxes como proba: "Parte da ilegalidade da obtención do vídeo por parte da policía foral."

Pero o xuíz decidiu aprazar ata o momento da sentenza a decisión sobre a nulidade ou non do vídeo, e o xuízo continuou. "Un xuízo sobre unha proba ilícita. É construír un edificio con cemento sen area", valoraba o letrado.

Os axentes navarros estaban investigando a violación do San Fermín cando atoparon no móbil dun dos acusados as imaxes de Pozoblanco. Amosáronllas á vítima, que non lembraba nada do sucedido e por iso non denunciara antes. Tras ver o vídeo, decidiu denunciar.

"A denuncia, obviamente, semella que non se puxo de maneira voluntaria, senón de maneira forzada ante a presenza da policía foral", dixo Martínez.

Os catro acusados declaráronse inocentes e negáronse a responder ás preguntas das partes. A Fiscalía pide sete anos de prisión para cada un deles: tres anos por abusos sexuais e catro por un delito contra a intimidade.

Ademais un deles, o último condutor, enfróntase tamén a unha multa por causar lesións leves. A moza non lembraba, pero sospeitaba, por iso daquela fotografou o vestido, que tras a noite acabou roto, e a mazadura que descubriu na perna.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/11/2019