CRTVG

Buscar

Comeza unha repunta tímida de peregrinos no Camiño

Publicado o 02/07/2021 15:00

Xa están abertos todos os albergues da rede pública da Xunta de Galicia, son máis de 70 centros con preto de 3.000 prazas. Un dos últimos en inaugurarse foi o de Vigo, dentro do Camiño Portugués pola costa. Estivemos cos camiñantes que fan esta ruta, da que destacan as paisaxes que van percorrendo. Contáronnos que, ao tratarse dunha experiencia que se desenvolve ao aire libre e coas medidas do camiño seguro, se senten tranquilos. Só onte, chegaron a Compostela preto de 650 peregrinos.

Dúas mozas alemás que levan cinco días percorrendo o Camiño Portugués pola costa explican que queren coñecer Galicia. É o mesmo percorrido que fan dúas amigas mexicanas, que planean durmir en albergues. Outros dous amigos, Luis e Manuel, levan 15 anos facendo o Camiño en todas as rutas. Desta vez só farán as etapas que máis lles gustan.

Recoñecen que aínda falta actividade no Camiño, pero agradecen a tranquilidade de poder gozar dun percorrido menos masificado. Todos aseguran sentirse moi tranquilos ao comprobar a seguridade das medidas covid en todos os aloxamentos. Agora están xa abertos tamén todos os albergues da rede pública da Xunta de Galicia, que se suman á oferta privada nos distintos camiños.

Noticias web

02/07/2021