CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo polo masacre na revista 'Charlie Hebdo' en xaneiro de 2015

Publicado o 02/09/2020 15:54

Cinco anos despois duns atentados que conmocionaron toda Europa, empezou en París o xuízo polo masacre da revista 'Charlie Hebdo' e o supermercado xudeu Hyper Cacher en que faleceron 17 persoas.

O xuízo prolongarase ata o 10 de novembro e noventa e catro avogados representarán as 200 partes constituídas en acusación particular.

En total son 14 acusados. Enfróntase a penas que oscilan entre os dez e vinte anos e a cadea perpetua.s autores materiais dos atentados foron abatidos en operacións antiterroristas.

Todo comezou cando o 7 de xaneiro de 2015 os irmáns Said e Charif Kouachi entraron na sede da revista 'Charlie Hebdo' e mataron unha por una 12 persoas na redacción do semanario, entre eles o seu director.

O semanario recibía ameazas desde que en 2006 comezou a publicar caricaturas de Mahoma satirizando o integrismo e o extremismo relixiosos e defendendo a liberdade de expresión.

Os irmáns Kouachi conseguiron fuxir tras perpetrar a matanza, pero foron abatidos dous días despois nunha imprenta ao norte da capital.

Un día despois, o 8 de xaneiro, Amedy Coulibaly, coordinado cos irmáns Kouachi, acabou coa vida dunha policía municipal e con outras catro persoas no hipermercado xudeu Hyper Cacher. Logo foi abatido.

O presidente Macron reafirmou hoxe que en Francia a blasfemia é un dereito e 'Charlie Hebdo', no día que comeza o xuízo, volveu publicar as caricaturas co lema "Todo isto para isto".

Dos 14 acusados, dez están en prisión provisional, un en liberdade baixo control xudicial e outros tres en busca e captura, incluída a parella de Coulibaly. Todos acusados de participación en organización criminal e de distintos graos de complicidade.

Noticias web

02/09/2020