CRTVG

Buscar

Piden 18 anos para o acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza

Publicado o 25/03/2019 19:09

Comezou na Audiencia Provincial de Pontevedra o xuízo polo crime da rozadoira. Un home está acusado de matar outro e deixar ferida a filla con esa máquina na Cañiza. O fiscal pide 18 anos de prisión por dous delitos de asasinato, un consumado e outro en grao de tentativa.

Minutos antes das 10 da mañá chegaba á Audiencia de Pontevedra desde o cárcere da Lama, onde leva case dous anos en prisión preventiva, o acusado, Xosé Luís Viéitez. A vista comezou coa selección do xurado popular que deberá decidir sobre a súa culpabilidade ou inocencia.

José Luís Viéitez está sendo xulgado por uns feitos que ocorreron o 17 de xuño de 2017 na parroquia de Achas, na Cañiza. Alí ten unha segunda residencia. A relación cos veciños era mala e xa tiveran 5 preitos por agresións mutuas por uns terreos. Ese día, e sen mediar palabra, foi cara á vítima e abriulle o nariz coa rozadoira. O home caeu ao chan. A filla sacou o móbil para gravar a agresión e José Luís atacouna a ela. Cortoulle un dedo, feriuna na cara, nos brazos e nas costas. O pai intentou levantarse e fuxir e entón José Luís volveu agredilo ata que un veciño o afastou. O home morreu días despois no hospital e a filla sofre secuelas das que aínda non se recuperou. O fiscal pide 18 anos de prisión para o acusado por un delito de asasinato e outro en grao de tentativa ao ter en conta o informe forense que asegura que o acusado tiña as facultades minguadas.

O fiscal tamén pide senllas indemnizacións, para os familiares da vítima e para a filla, e unha orde de afastamento durante 18 anos de todos os membros da familia ata segundo grao.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019