CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo polo cobro abusivo das peaxes da AP-9

Publicado o 11/02/2020 14:48

 

O director do centro de xestión da DXT foi o primeiro en declarar no xuízo que comezou este martes en Pontevedra. Dixo que o tráfico era fluído e que cando houbo algún atasco foi por accidentes, pero non polos traballos que se estaban a realizar na vía. Afirmou tamén que durante o tempo que duraron as obras estiveron coordinados desde a DXT con Audasa e o Ministerio de Fomento.

Non pensan o mesmo desde a parte demandante que ve abusivo que a concesionaria esixira a tarifa íntegra, xa que houbo retencións diarias.

A intervención da Avogacía do Estado no proceso centrou boa parte da primeira sesón da vista. Fiscalía e demandantes expuxeron os seus argumentos en contra ao considerar que a administración debe defender os intereses dos cidadáns. Finalmente o xuíz admitiu a súa participación no proceso representando o Ministerio de Transporte, antigo Fomento.

A demanda presentada pola Fiscalía Provincial, e apoiada pola plataforma En-Colectivo, Adicae e particulares, argumenta que as obras provocaron importantes atascos.

Os 200 demandantes reclaman, por práctica abusiva, a devolución das tarifas pagadas e os intereses xerados, que cifran en 200.000 euros. O xuízo continúa o mércores en Pontevedra.

 

Noticias web

11/02/2020