CRTVG

Buscar

Marina Castaño, acusada de malversación, asegura que quixo sanear a Fundación Cela

Publicado o 01/04/2019 18:30

• A Fiscalía pide catro anos e medio de cárcere e oito de inhabilitación para os catro acusados, entre eles a viúva do premio Nobel

Comezou nos xulgados de Santiago o xuízo por presunta malversación de fondos públicos na Fundación Cela. Mañá martes está previsto que declare unha veciña de Iria Flavia que denunciou os feitos. Por, presuntamente, simular o despedimento do xerente indemnizándo con 150.000 euros de fondos da Xunta, a Fiscalía pide 4,5 anos de cárcere e 8 de inhabilitación para os catro acusados, entre eles a viúva do premio Nobel, Marina Castaño.

Foron as únicas declaracións de Marina Castaño ao chegar aos xulgados de Santiago. Dixo que enfrontaba ben o xuízo en que senta no banco dos acusados por suposta malversación de fondos públicos canda o ex-patrón da Fundación Cela Dositeo Rodríguez, a súa filla Covadonga Rodríguez, e o ex-xerente da fundación Tomás Cavanna.

Están acusados de artellar, supostamente, un plan preconcibido para simular o despedimento do que foi xerente en 2010, coa intención de que recibise 150.000 euros. Durante o interrogatorio, Castaño dixo que decidiu despedilo polos problemas económicos da fundación. Asegurou que non lembraba escribir un correo en que, supostamente, expón a idea de negociar xenerosamente a saída do xerente.

Lola Ramos, que exerce no xuízo de acusación particular, non ten dúbidas: "Tocábanlle noventa e tantos mil euros dunha liquidación, como nos tocaría a calquera empregado, pero Marina, obstinadamente, insistiu en que lle quería dar moito máis".

O ex-xerente Tomás Cavanna nega as acusacións. Afirma que non pactou a súa saída e que, de feito, el quería continuar na fundación ata 2016.

A Fiscalía pide unha pena de 4 anos e seis meses de cárcere e oito anos de inhabilitación para os catro acusados e o pagamento á Xunta dunha indemnización de 150.000 euros.

 

Noticias web

01/04/2019