A acusada de querer cometer en Galicia un atentado di que buscou información "bélica" porque se sentía soa
Na Audiencia Nacional comeza esta mañá o xuízo contra Lucía Expósito Cao, a muller detida o pasado mes de xullo en Viveiro no marco dunha operación contra o terrorismo xidahista. Está acusada dun delito de autoadoutrinamento e de facer apoloxía do terrorismo nas redes sociais.
Lucía Expósito Cao, de 45 anos, era detida o 27 de xullo na parroquia viveirense de Galdo. Convertérase ao Islam había uns anos, logo de residir nas Canarias, e, segundo os investigadores, asumira nas redes os postulados máis violentos dos grupos xihadistas. A Fiscalía di que experimentou un proceso de autorradicalización ao acceder a información do Daesh e de Al Qaeda, grupos dos que difundía imaxes e propaganda, e mesmo contactou con supostos militantes e seguidores. Tamén buscou manuais para cometer accións terroristas, segundo o escrito da Fiscalía, accedeu ás instrucións do autoproclamado Estado Islámico en que se invitaba a cometer atropelos masivos. Segundo a investigación, Lucía Cao manifestara a vontade de emular o atentado de Barcelona en Santiago durante as festas do Apóstolo de 2018, polo que fora detida ese ano e logo quedara en liberdade.
Esta segunda detención, este verán, foi por reincidir na apoloxía do terrorismo. A Fiscalía pide para ela dous anos de prisión por un delito de autoadoutrinamento e 8 de inhabilitación absoluta, aínda que lle aplica unha atenuante por sufrir unha alteración da personalidade con rasgos paranoides e esquizoides.