CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo da 'viúva negra de Patraix', acusada de matar o marido coa axuda do seu amante

Publicado o 14/10/2020 15:28

Arranca o xuízo do caso da viúva negra de Patraix, un crime cometido en Valencia en agosto de 2017. Os dous acusados, María Jesús, Maje, e Salvador, mantiñan supostamente unha relación e xuntos organizaron o asasinato do marido dela.

Segundo o escrito da acusación, Maje decidiu acabar coa vida do seu home, Antonio Navarro, e convenceu a Salvador para que o fixera por ela. Na mañá do 16 de agosto Salvador, presuntamente, esperou no garaxe a que Antonio fora coller o coche para ir traballar, e asestoulle seis coiteladas mortais.

A fiscalía pide para el 18 anos de cadea como autor material do crime, e 22 para María Jesús ao contemplarse a agravante de parentesco. A acusación particular solicita tres máis para ela, 25 anos.

Di o avogado da acusación, Miguel Ferrer, que esperan "determinar con claridade certeira e absoluta que ela non só participou, senón que foi a que o ideou e a que convenceu a Salvador para que o fixera".

O xuízo celébrase na Cidade da Xustiza de Valencia nun tribunal con xurado, que podería anunciar o veredicto o próximo 30 de outubro.

Noticias web

14/10/2020