CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo da operación Trucarro pola manipulación de contaquilómetros

Publicado o 10/01/2019 14:46

O alemán asentado en Santiago Johann Grimm é o principal imputado da operación Trucarro. A el considérao a Fiscalía o cooperador necesario dunha serie de estafas continuadas consistentes na manipulación dos contaquilómetros á hora de vender vehículos de ocasión. Pídelle o fiscal a pena acumulada de todos os demais, que sumaría máis de vinte anos de prisión. O seu avogado solicita a nulidade do procedemento por supostas irregularidades nas escoitas telefónicas das que derivou a investigación.

"Para nós, desde o punto de vista da xurisprudencia do Supremo, as escoitas son nulas e dase o feito piramidal: todo o que vén despois tamén é nulo", explica Evaristo Nogueira, avogado de Johann Grimm.

Á petición de que se anule o procedemento adheríronse o resto dos avogados. Tamén apelan á dilación da instrución, que se prolongou durante dez anos e ao feito de que intentasen reparar o dano.

"Se indemnizaches antes de empezar o xuízo, como cautela para que o golpe sexa o máis pequeno posible, e tamén o transcurso do tempo. Pasaron dez anos e hai dilacións que non están xustificadas de ningún xeito", aclara Manuel Ferreiro, avogado doutro dos acusados.

Nesta primeira sesión só houbo tempo para as cuestións previas. A declaración dos acusados está prevista para a vindeira semana.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2019