CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo contra unha banda acusada de traficar con drogas en Vigo

Publicado o 14/11/2017 14:03

Todo un clan está acusado dun delito contra a saúde pública pola venda de droga na parte vella de Vigo. No banco dos acusados sentan seis persoas, que formarían o que se considera o maior grupo de venda de droga polo miúido da zona. A fiscala pide en total trinta e un anos de prisión para o clan, co agravante de reincidencia no caso dalgúns membros, que xa estiveron no cárcere polos mesmos feitos.

Os seis acusados decidiron prestar declaración e contestaron só as preguntas dos seus avogados durante a celebración que se desenvolveu nos xulgados de Vigo. Todos se desvicularon da venda de drogas e argumentaron que as doses de droga que a policía incautou nos seus domicilios eran para consumo propio. Dos seis procesados, cinco son membros da mesma familia, todos acusados dun delito contra a saúde pública por venda de substancias. A unha das mulleres do grupo tamén lle atribúen un delito por tenza ilícita de armas. Por estes delitos o Ministerio Fiscal pide trinta e un anos de cárcere para todos e unha multa de máis de 1.500 euros. Considera que actuaban como un grupo organizado onde cada membro tiña unha función.

Durante a sesión tamén declararon os policías que participaron na operación. Afirmaron que fixeron labores de vixilancia e seguimento ao longo de dous meses durante os que comprobaron que o tránsito de clientes era continuo. Dous dos acusados, concretamente os líderes do clan, xa foron condenados a tres anos de prisión. Catro anos despois volven ser xulgados polo mesmo delito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017