CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo contra un pai acusado de agredir sexualmente o seu fillo durante cinco anos

Publicado o 16/03/2021 14:25

"Totalmente falso". Así de contundente negou o investigado tanto as acusacións da fiscalía como as da avogada da vítima. Dixo que pola forza que ten si podería ter abusado do seu fillo, pero que nunca o fixo.

Unha versión totalmente contraria á que deu a vítima durante o xuízo. Asegurou, detrás dun biombo, que aos doce anos comezou a sufrir abusos sexuais a mans do seu proxenitor cada vez que quedaban sós na casa en que vivían coa súa nai e outros dous menores. Engadiu que cos anos foi a máis, ata agredilo sexualmente en repetidas ocasións. A última foi en maio de 2019. Daquela reuniu toda a forza necesaria e contoullo a súa nai.

"O menor por fin contou o que lle viña sucedendo desde había tempo. Tíñalle pánico ao pai e de feito séguelle tendo pánico", di Isabel Canosa Castiñeira, avogada da acusación particular.

Tamén declarou a nai do rapaz. Asegurou que nada máis contarlle o que estaba sufrindo, envioulle unha mensaxe ao móbil á súa parella e que el, nun primeiro momento, admitiu os feitos. Díxolle tamén que non sabía o que lle puido pasar pola cabeza e que foi produto dunhas pastillas e cervexas que consumira.

O procesado, que está en prisión provisional desde maio de 2019, xa fora condenado a cinco anos de cadea por un delito de abuso sexual a un menor de idade diagnosticado de parálise cerebral.

"A nai descoñecía absolutamente o contido desa sentenza e no seu momento el díxolle que era un erro xudicial", engade Isabel Canosa, avogada da acusación particular.

A Fiscalía e a acusación particular solicitan que sexa condenado a 15 anos de cadea e a inhabilitación absoluta para o exercicio da patria potestade. Manifestan que o mozo, a día de hoxe, segue con transtornos físicos e emocionais, polo que a acusación pública pide unha indemnización de 22.000 euros e a particular ascéndea aos 60.000 euros. A defensa pide a libre absolución.

Noticias web

16/03/2021