CRTVG

Buscar

Piden catro anos para o cura de Trabada, acusado de roubar nas súas parroquias

Publicado o 20/03/2019 19:51

Un caso que no seu día chamara moito a atención chegou hoxe á Audiencia Provincial de Lugo, o do párroco que, supostamente, saqueara varias das igrexas en que oficiaba na Mariña.

Catro anos e medio de cadea, 3.000 euros de multa e a devolución das pezas supostamente roubadas. Esa é a condena que pide a Fiscalía de Lugo para Emilio Silvaje, ex-cura de 13 parroquias de Trabada e Ribadeo. O home está acusado de apropiarse de diferentes obxectos que había nas igrexas das que era responsable. Dende tallas e imaxes de santos a cálices, mobles, roupa de oficiar, misais ou crucifixos. En total, o valor dos elementos desaparecidos ascende a 25.000 euros.

Foron os fregueses de distintas parroquias os que denunciaron que estaban a desaparecer obxectos das igrexas. Segundo a Fiscalía, o párroco actuaba en conivencia cun anticuario de Mondoñedo para, presuntamente, apropiarse dos obxectos ou ben para vendelos. A súa defensa di que Silvaje puido cometer erros desfacéndose dalgúns obxectos pero nega que houbese intención de quedar con eles.

"Está demostrado que houbo boa vontade porque se devolveron moitos elementos. Non cremos que haxa probas de que se actuara de mala fe".

Durante o xuízo, o párroco dixo que deixou o sacerdocio antes de ser denunciado. Tamén acusou de incompetencia os sancristáns das parroquias e afirmou que había fregueses que tiñan chaves dos templos, polo que poderían ser os responsables das desaparicións de obxectos. Ademais, recoñeceu que puido desfacerse por erro de material catalogado por patrimonio ou que tivese valor económico, pero que o fixo polo mal aspecto que presentaba. Lembrou que puxo cartos do seu peto para facer reparacións e restauracións nas igrexas. Por todo iso, a defensa pide a súa absolución.

"Cremos que non hai probas suficientes e que todo se debe a unha serie de erros. Por iso, cremos que debe ser absolto".

O xuízo vai continuar mañá co testemuño dos fregueses de varias parroquias afectadas e co do outro acusado, o anticuario, para quen a Fiscalía pide ano e medio de cadea. Actualmente Silvaje reside en Valencia e non ten relación coa igrexa.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2019