CRTVG

Buscar

Trapero asegura que non tiña unha "relación estreita" con Puigdemont

Publicado o 20/01/2020 09:41

O maior dos Mossos d'Esquadra Josep Lluis Trapero asegurou este luns, ao comezo do seu interrogatorio no xuízo por rebelión na Audiencia Nacional, que non tiña unha "relación estreita, nin boa nin mala", co entón presidente da Generalitat Carles Puigdemont.

Trapero, para quen a Fiscalía pide 11 anos de cárcere por rebelión polo seu papel no 'procés', alegou que cando o entón director dos Mossos d'Esquadra Albert Batlle iniciou o proceso para nomealo maior, cargo ao que accedeu en abril de 2017, Puigdemont non o sabía, xa que non tivo "nada que ver" co seu ascenso ao máximo rango na policía catalá poucos meses antes do 1-O.

A preguntas do fiscal Miguel Ángel Carballo, Trapero foi tallante ao afirmar que non tivo unha relación persoal "nin boa nin mala" nin tampouco "estreita" con Puigdemont.

Na Audiencia Nacional sentan no banco dos acusados, ademais do ex-xefe dos Mossos, Josep Lluís Trapero; o que fora o seu xefe político, Pere Soler, e mais o ex-secretario xeral da consellería do Interior, César Puig. 

Os acontecementos que sucederon no outono de 2017 en Cataluña engrandeceran a figura do maior dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, sobre todo polo papel que desempeñara a Policía Autonómica durante o referendo do 1 de outubro, tras o que fora destituído polo Goberno central. Sobre a actuación dos Mossos fora interrogado Trapero durante o xuízo do 'procés', en que declarara coma testemuña. Trapero di: "Non houbo seguimentos".

Ante o Supremo, e logo tamén na Audiencia Nacional as tres veces que comparecera durante a instrución, Trapero negara que formase parte da trama do procés e mesmo revelara que se ofrecera a deter a Carles Puigdemont e os conselleiros tras a declaración de independencia e que instara en dúas ocasións o Govern a que cumprise a legalidade.

A súa defensa intentará negar a suposta conivencia cos líderes políticos do 'procés' para evitar a condena de 11 anos de prisión.

O tenente fiscal da Audiencia Nacional, Miguel Ángel Carballo, anunciou hoxe que calibrará "no momento oportuno" a acusación ao maior dos Mossos Josep Lluís  Trapero e outros dous acusados por rebelión tendo en cuenta a sentenza do Tribunal Supremo que condenou aos impulsores do  procés por sedición.

"A Fiscalía da Audiencia Nacional é consciente da sentenza ditada polo Tribunal Supremo e no momento oportuno considerarase a conveniencia de calibrar a acusación que corresponde sobre estes feitos, pero este non é o momento procesual oportuno e por tanto non se vai a facer ningunha modificación neste momento", expuxo Carballo ao responder as cuestións previas expostas polas defensas ao comezo do xuízo.

A este respecto, o seu compañeiro Pedro Rubira precisou que non só existe a sentenza do Supremo contra a cúpula do 'procés', senón outras resolucións do alto tribunal como a que condenou por desobediencia ao ex-presidente catalán Artur Mas e a varios dos seus conselleiros polo referendo do 9-N de 2014.

Xurisprudencia toda ela que se terá en conta á hora de exporse unha modificación na acusación nesta causa, que, en todo caso, parece que se producirá ao final do xuízo, na fase de exposición das conclusións definitivas da Fiscalía.

Nese esta caso, engadiu  Rubira, xúlgase o presunto "incumprimento dos acusados" de varias resolucións xudiciais, e "poderase dicir o que se queira do Poder Xudicial, pero cando se incumpren as normas, o Poder Xudicial actúa, ben sexa no 'procés', no tema de agora ou cando se instruíron os  GAL".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020