CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo contra oito homes pola violación grupal dunha nena indíxena

Publicado o 20/02/2019 20:42

E na Arxentina comezou o xuízo contra oito homes pola violación dunha nena da comunidade orixinaria Wichi hai catro anos. O caso desta cativa conmocionara o país, pois froito dese ataque quedou embarazada, e puxo de manifesto a vulnerabilidade das vítimas que viven nas zonas máis pobres do país.

O caso desta cativa é toda unha icona na loita polo aborto legal na Arxentina e o vivo retrato da violencia machista que atravesa o país, especialmente en zonas vulnerables.

Foi violada no 2015, cando tiña 12 anos, presuntamente por oito homes, nunha humilde localidade do norte do país próxima a fronteira co Paraguai, pero o suceso non tomou especial repercusión ata que se soubo que froito do ataque, a vítima, que ten un atraso madurativo, quedou embarazada e a provincia de Salta, unha das máis conservadoras, practicoulle unha polémica cesárea aos 7 meses de xestación.

Catro anos despois, os oito acusados da violación sentan no banco dos acusados e enfróntanse a penas de ata 20 anos de prisión.

Co berro "Xustiza por Juana", o caso desta cativa puxo o foco no dereito ao aborto legal nun momento en que o tema aínda non estaba no centro da axenda política do país austral, e deixou clara a vulnerabilidade das vítimas, especialmente en zonas rurais do país, onde cada vez se visibilizan máis os casos de nenas violadas e embarazadas.

Segundo cifras de Unicef, ao ano nacen na Arxentina uns 3.000 meniños froito de violacións a menores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2019