CRTVG

Buscar

Aprazado o xuízo polo asasinato de Diana Quer ata o 11 de novembro

Publicado o 29/10/2019 13:39

A imposibilidade de conformar o xurado popular para iniciar a vista oral polo crime de Diana Quer obrigou a atrasar a mesma, que se nun primeiro momento ía dar comezo este martes 29 de outubro, pois agora quedou suspendida ata o próximo 11 de novembro.

Arredor das once da mañá, pouco máis dunha hora despois de que arrincara a xornada para conformar ese órgano, o proceso foi suspendido ante os problemas xurdidos para a constitución do xurado popular que debía xulgar o único acusado polo crime da moza, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle.

A Lei Orgánica do Tribunal do Xurado estipula que para conformar un tribunal do xurado en primeiro lugar aos candidatos, un total de 36 persoas designadas por sorteo, notifícaselles e envíaselles un cuestionario por se tivesen que alegar causa de incapacidade, incompatibilidade, prohibición ou escusa para exercer tal rol co fin de conseguir finalmente no día crave polo menos 20 persoas que superen o trámite.

Con todo, e a pesar de que ás dependencias xudiciais este luns se desprazaron un total de 21 persoas, resultou imposible conformar o xurado, xa que para proceder á selección das nove persoas que conformarán o xurado final -e mais dous suplentes- débese contar con ese mínimo de vinte persoas que non foi posible reunir por causas varias.

Por diversos motivos alegados a última hora, unicamente se puideron elixir dezasete persoas como válidas para formar parte de tribunal de xurado, o que obrigou a atrasar o inicio do proceso dúas semanas máis.

En primeiro lugar, unha muller maior de 65 anos trasladou este mesmo luns a súa intención de, amparada pola lei, non formar parte do xurado a pesar de que non manifestara inconvenientes ata o día de hoxe.

Doutra banda, outras dúas persoas notificaron cuestións médicas sobrevidas que o Tribunal deu por válidas.

O último candidato alegou falta de imparcialidade obxectiva para formar parte dese xurado, motivo que fixo que esta persoa tamén fose recusada por parte da defensa, como fixo constar este luns.

Así, conforme prevé a lei, o próximo día 11 de novembro serán citadas outras oito persoas, e mais os catro excluídos, e volverase repetir o trámite de conformación de xurado, aínda que nesa data xa non haberá cabida para o "trámite de presentación previa de escusas, por falta de tempo", segundo detallaron fontes xudiciais.

Por tanto, será o martes 12 de novembro cando o autor confeso da morte de Diana Quer, José Enrique Abuín Gey, sente no banco para prestar declaración ante o tribunal popular, que será o encargado de emitir un veredicto.

Todo iso discorrerá nunha sala que o procesado xa coñece, dado que é a mesma en que xa compareceu o pasado mes de abril polo intento de rapto dunha moza de Boiro en decembro de 2017, uns feitos que foron os que precipitaron a súa detención como sospeitoso do crime de Diana  Quer.

Desfilarán polos xulgados composteláns pola morte violenta de Diana Quer máis de 50 testemuñas e 40 peritos que tentarán achegar luz ao ocorrido en agosto de 2016.

O atraso no xuízo supón un contratempo no edificio xudicial da capital galega, posto que a sala de vodas, a sala de vistas máis grande do xulgado das Fontiñas, estaba reservada para este caso durante dúas semanas, que agora deberán ampliarse.

Ademais, a Xunta de Galicia, a Administración responsable de dotar dos medios necesarios as persoas que forman parte dun tribunal popular, tamén tiña reservado o hotel para os membros do xurado, á parte de habilitada unha sala de prensa para dar cabida aos máis de cincuenta xornalistas acreditados de trinta e dous medios de comunicación diferentes.

O avogado dos Quer di que o atraso é un "inconveniente"

O avogado da familia de Diana Quer, Ricardo Pérez Lama, admitiu este luns que o aprazamento do xuízo supón "realmente, para todos, un inconveniente" e para os pais da vítima aínda máis, "porque levan sufrindo anos".

Á súa saída do xulgado, despois de participar na infrutuosa xornada de constitución do xurado popular, que este luns non puido formalizarse, polo que houbo un aprazamento da vista ata o 11 de novembro, o letrado sinalou á prensa que esta demora supón un "trastorno para todo o sistema" porque xa é "hora de facerlle xustiza a Diana Quer, que é o que nós queriamos".

Con todo, o avogado entende a suspensión da vista, debido a que non se puido chegar ao número mínimo de persoas para designar ao xurado conforme á lei.

Pérez Lama, que xa falou cos pais de Diana Quer -Juan Carlos Quer e Diana López-Pinel-, explicou aos medios de comunicación que eles entenden que "a lei é a lei, e é igual para todos", polo que non están molestos aínda que si "un pouco cansos", apuntou.

"Pero todos estamos na mesma batalla e o día once volveremos", remarcou finalmente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/10/2019