Comeza o Son do Camiño-Perseidas coa música de Guadi Galego e Rozalén
Cinco mil persoas asistiron este mércores aos concertos que abren, no auditorio do Monte do Gozo, o festival O Son do Camiño-Perseidas. Rozalén e Guadi Galego inauguran once días de concertos ao aire libre. Volven os espectáculos masivos a Galicia, con medidas especiais polo protocolo contra a COVID−19.
Hai medidas sanitarias para todos: para os máis de vinte grupos que van pasar polo Son do Camiño-Perseidas nos vindeiros once días e para os grupos burbulla que forman os espectadores. Cinco mil persoas, con máscara e sentadas; non se permite levantarse. O espazo está dividido en cinco sectores, con entradas e saídas propias.
A venda é exclusiva por Internet e os boletos levan o nome, apelidos, teléfono e lugar de residencia de cada un dos asistentes, que teñen que ocupar un asento concreto, como no cine ou teatro. E tamén hai que ensinar o DNI para entrar.
Abriu o Son do Camiño-Perseidas unha galega, a cantautora Guadi Galego, e dúas horas despois, actúa Rozalén. Ata o oito de agosto, pasarán por aquí case media ducia de artistas galegos. Entre eles, Xoel López, o venres. Raphael, Vetusta Morla, Estopa, Melendi, Loquillo ou o colombiano Camilo estarán en Galicia. Dende hai dous días as entradas están esgotadas.