CRTVG

Buscar

Comeza o prazo para matricularse nas universidades galegas

Publicado o 17/07/2019 16:19

Hoxe comeza o prazo para matricularse nas universidades galegas. O dobre grao de Matemáticas e Física repite coa nota de corte máis alta. Nas titulacións únicas, Medicina é a que esixe os mellores expedientes.  

Para moitos futuros universitarios acabou a incerteza e hoxe mesmo puideron matricularse na carreira que marcaron coma primeira opción. Os dobres graos son os máis cobizados este ano. O récord bateuno Matemáticas-Física, da USC, cunha nota de corte 13,55 sobre 14.

Rosana Rodríguez López, vicedecana de Matemáticas: "Hai varios motivos que explican a demanda. Por unha banda está a vocación científica e tamén a empregabilidade, en tempo reducido logran traballo en eidos relacionados coa titulación estudada. Tamén hai que agradecer o labor desenvolvido no ensino medio, coas tarefas de divulgación que fan para motivalos".

Nas titulacións únicas destacan as sanitarias, con Medicina no podio e unha nota de corte de 12,57. En total, máis de 33 graos piden unha nota de acceso superior ao dez.

Pero aínda hai esperanza para os que non chegaran ao corte. É posible que haxa admitidos que non se matriculen, baixe a nota e entren en xogo os alumnos da lista de espera.











 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/07/2019