CRTVG

Buscar

Comeza o loito nacional durante dez días, o máis longo en democracia

Publicado o 27/05/2020 08:06

España atópase desde esta medianoite en loito oficial ao entrar en vigor o real decreto polo cal o Goberno establece dez xornadas en memoria das 27.117 persoas falecidas durante a pandemia, o período de dó máis longo que houbo en democracia.

A bandeira española pasa a ondear ininterrompidamente a medio mastro no exterior de todos os edificios públicos, buques da Armada e representacións e misións no estranxeiro, e no interior vai lucir un crespón negro.

Nunca en democracia se decretou loito nacional durante un período de tempo tan longo. Cando faleceron os pais do rei Xoán Carlos, don Xoán e dona María das Mercedes, foron sete os días de dó, mentres que cos atentados do 11M e os de Barcelona, o accidente de Spanair e a morte dos expresidentes Adolfo Suárez e Leopoldo Calvo-Sotelo, establecéronse tres.

Con motivo do primeiro día de loito, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xunto con outros membros do Executivo, vai participar dun minuto de silencio ao mediodía no Palacio da Moncloa. Os reis e as súas fillas, a princesa Leonor e a infanta Sofía, van sumarse a esta mostra de dor á mesma hora no Palacio da Zarzuela.

O Goberno outorgou a este minuto de silencio "carácter xeral e extensible a todo o país", polo cal convida a sumarse a el a todos os órganos e institucións públicas e privadas en España e no estranxeiro para mostrar o seu recordo polos falecidos por causa do coronavirus.

Tamén se anima aos cidadáns para participar desde calquera lugar e desde os seus postos de traballo para deter por un minuto a actividade no país.

Unha vez que España supere o estado de alarma, está previsto que o rei presida un grande acto oficial en memoria das vítimas.