CRTVG

Buscar

Comeza o Festival do Noroeste na Coruña, con máis de 75 bandas e artistas

Publicado o 06/08/2019 21:42

A cidade da Coruña segue sendo un fervedoiro cultural nesta primeira semana do mes de agosto. O Festival Noroeste abre hoxe seis días repletos de música cun cartel de artistas e estilos do máis variado.

Son máis de 75 bandas e artistas os que conforman o cartel do Festival Noroeste deste ano, entre eles figuran nomes coma Belako, Soleá Morente, Annie B. Sweet, pero, sen dúbida, a actuación máis agardada é a da lendaria Patti Smith, que ofrecerá un concerto este venres na praia de Riazor. Por certo, que, ante a previsión de que chova nos vindeiros días, a organización aconsella aos asistentes que se manteñan atentos ás redes sociais para estar informados dos posibles cambios de horario ou localización destes concertos.

Os ensaios dunha das bandas punteiras da música independente galega, os lugueses Holywater, abren o Festival Noroeste, que congregará na cidade da Coruña máis de 75 bandas e artistas. Cunha proposta ben diferente chegan The Sey Sisters, un trío vocal catalán de orixe ghanesa de funk e soul que presentan na Coruña o seu segundo traballo, Rise.

O escenario por excelencia do Noroeste é a praia de Riazor onde a fin de semana soarán Belako, Nathy Peluso, The Sounds e a gran estrela do cartel: Patti Smith cun concerto de balde o venres; pero a música chegará a prazas, museos e edificios emblemáticos da cidade.

A enerxía da banda instrumental italiana Zu porá o peche desta primeira noite do Noroeste. Por diante, seis días de música ao vivo.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019