CRTVG

Buscar

Comeza o embotellamento do viño na Ribeira Sacra

Publicado o 22/03/2019 13:58

O traballo que pasaron os vendimadores da Ribeira Sacra no mes de setembro dá agora o seu resultado. 43 das 93 adegas da denominación de orixe están xa a embotellar o viño da última colleita. Ata o momento xa se pasaron a envase de vidro preto de 900.000 litros, o que supón case o 25% do total da produción. Ademais de para aproveitar que nestas semanas o viño alcanza o seu nivel óptimo de elaboración para ser cosumido, os adegueiros tamén embotellan polo aumento da demanda do viño da Ribeira Sacra.

Este ano empezou antes o embotellamento porque as adegas teñen moita demanda e precisan ir dando saída ao seu produto.

As xeadas e o frío do inverno, xunto co tempo transcorrido dende que o viño chegou ás cubas, fixeron que se completase o período de fermentación e que xa se poida degustar con todas as súas características. Iso si, aínda que se estea a embotellar nestas datas, hai adegas que van agardar incluso un ano para sacar ao mercado o viño da colleita de 2018.

Cada adega decide cando quere ofrecer a nova anada, pero é preciso ir embotellando para ter listos os almacéns.

Se ben antigamente o viño xa se comezaba a consumir en outubro, os avances técnicos fan recomendable agardar ata a primavera ou o final do inverno para gozalo con toda a súa plenitude.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/03/2019