CRTVG

Buscar

Comeza o curso universitario cunha clara aposta pola presenza dos alumnos

Publicado o 06/09/2021 08:57

Este luns volven ás aulas os alumnos da universidade. As facultades galegas apostan, de inicio, pola presenza, salvo contadas excepcións. Os campus recobran o ambiente que perderan o curso pasado. Hai protocolo contra a covid−19 pero moito máis relaxado.

Xa está todo listo nos campus das tres universidades galegas para recibir os universitarios. Este 6 de setembro arrinca o curso universitario 2021-22, que afrontan con optimismo polo resultado do pasado e polo avance da campaña de vacinación coa maior parte da comunidade educativa xa inmunizada.

O curso vén planificado pola chamada "normalidade adaptada", con que apostan pola total presenza, agás algunhas excepcións, como ocorre na Universidade de Vigo, onde só terán que recorrer a docencia mixta ou virtual en grupos de oito graos dispensados nas facultades de Química e Educación e Traballo de Ourense e Ciencias do Deporte de Pontevedra. Tamén o mestrado de profesorado, que vai optar pola modalidade semipresencial.

Polo demais, o protocolo é moi semellante ao do curso pasado, uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e ventilación das aulas; tamén limpeza das instalacións. O cambio principal é respecto á distancia de seguridade, que se relaxa. Pasa de 1,5 metros a 1,2 para permitir maior presenza de alumnos nas aulas.

Chega un curso máis coas taxas conxeladas, situando as universidades galegas cos prezos máis baratos de España. Un ano lectivo que, ademais, presenta 12 novas titulacións. Hoxe foi día de presentación nas facultades e para os alumnos de primeiro ano a primeira toma de contacto coa vida universitaria.

 

Noticias web

06/09/2021